Instituto de Estudos das Identidades
En maio de 2005 o Padroado do Museo do Pobo Galego decidiu crear o Instituto de Estudos das Identidades (IEI), como un departamento do propio museo.
Entre os fins do IEI está o de establecer e desenvolver liñas de investigación e de intervención sociocultural nos diferentes ámbitos que lle son propios ao Museo, con especial atención ao estudo da identidade galega e da súa interrelación ou comparación con outras identidades. Ao mesmo tempo, preténdese contribuír ao estudo e á formulación de posibles solucións para aqueles problemas que teñan especial relevancia para a sociedade galega, estimular a colaboración estable de novos investigadores e técnicos no marco do Museo, e promover a formación en xestión cultural.
Título foros
Foros de debate
En consecuencia con estes fins, o IEI organiza de forma periódica unha serie de foros de debate sobre temas de actualidade.
O primeiro dos foros, baixo o título Territorio, Paisaxe e Identidade, coordinado por Xerardo Estévez, celebrouse en xaneiro de 2007, co patrocinio de Construccións Otero Pombo S.A.
En novembro de 2007, esta vez baixo os auspicios do Parlamento de Galicia, realizouse o segundo foro, titulado Inmigración, cidadanía e identidade, que foi coordinado por Mar Lorenzo Moledo e concluíu o 12 de decembro cunha sesión pública na sede do Museo.
O 6 de febreiro de 2009 clausurouse o terceiro foro, en torno a Turismo e Identidade, coordinado por Francisco Candela e Xosé Manuel González Reboredo e patrocinado pola Dirección Xeral de Turismo, Consellería de Innovación e Industria.
No exercicio 2012-2013, tamén co patrocinio do Parlamento de Galicia, celebrouse un foro sobre un dos problemas que máis inciden nas expectativas de futuro da nosa sociedade: Natalidad e Vellez en Galicia: un pobo con pasado, un pobo con futuro?, coordinado por Manuel Blanco Desar.
No ano 2017, coincidindo co 40 aniversario da inauguración do Museo do Pobo Galego, lanzouse unha nova convocatoria baixo o epígrafe O noso pobo, de hoxe noutros corenta anos. De novo, foi o Parlamento de Galicia quen contribuíu á celebración do foro. Formaron parte o comité organizador Justo Beramendi, Manuel Blanco, Xosé M. González Reboredo e Lino Lema.
Celebrado no ano 2020 como xeito de homenaxe á Xeración Nós. Por mor da pandemia celebrouse en dúas quendas. Coorganizado co Consello da Cultura Galega, estivo coordinado por Uxío-Breogán Diéguez, patrón do MPG, e Dolores Vilavedra, do CCG, e centrado no tema da identidade e a globalización.