Soa Bonaval, música, conversas e itinerarios sonoros no Museo do Pobo Galego / 22, 23 e 24 de outubro 2021

Submitted by xestor on Ven, 01/10/2021 - 09:25
01
Oct
2021
Tipo evento
Evento
Soa Bonaval, música, conversas e itinerarios sonoros no Museo do Pobo Galego / 22, 23 e 24 de outubro 2021
Imaxe
cartel Soa Bonaval 21

ENTRADAS Á VENDA AQUÍ

AVISO: SE ALGUÉN TEN PROBLEMAS NA ADQUISICIÓN DAS ENTRADAS, POR FAVOR QUE CONTACTE CON info@vivetix.com

* Información de grupos e actividades AQUÍ

O 22, 23 e 24 de outubro celébrase a 1ª edición de  Soa Bonaval, un evento organizado polo Museo do Pobo Galego,  con concertos, conversas e itinerarios sonoros. 

O festival pretende desmitificar os xéneros e as etiquetas, e contar con artistas que traballan sobre os sons clásicos e de raíz, o local, a cultura e a lingua propias, compoñendo músicas plenamente actuais que van desde o electrónico ao folk pasando polo pop, o rock ou o ambient. 

O cartel desta primeira edición inclúe propostas como a da cantautora de Ibias (Asturias), Lorena Álvarez quen traerá a Soa Bonaval a súa “Colección de canciones sencillas”; Peña o grupo pontevedrés formado por Toño Magariños (Diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) ou Libredón, o proxecto musical do compostelán Denís Estévez, que desfragmenta e recompón pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital.

Ademais o festival estreará Exvba, unha proposta que nace da unión de Elba Fernández e Xavi Font. Os gañadores do Mestre Mateo 2020 á mellor música orixinal por "Hierro”,  Elba e Xavi, deciden afastarse dos longos tempos no estudio para crear este proxecto que verá a luz na Igrexa de Bonaval, lugar para o que foi creado.

No formato de conversas con artistas, Soa Bonaval trae a un dos produtores máis aclamados da última década: o catalán Raül Refree, que neste ano meteuse de cheo na música tradicional galega da man de Luneda Producións e con quen falaremos do seu particular achegamento e traballo coas músicas populares e tradicionais peninsulares. A conversa completarase coa actuación de Tralo-Valo, o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, que interpretarán un repertorio baseado no arquivo do antropólogo danés Gustav Henningsen.

A primeira edición do Soa Bonaval complétase co itinerario sonoro Son[em]peza. A proposta foi desenvolvida polo Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo coa colaboración do equipo do Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial (APOI). Durante o festival, o itinerario será conducido polo persoal que o deseñou. Despois, e até finais de ano, poderá realizarse de maneira autónoma.

As entradas aquí: Vivetix do Museo do Pobo Galego.

O festival está organizado polo Museo do Pobo Galego, co patrocinio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, e conta coa colaboración do Arcebispado de Santiago.