Presentación literaria: "Brandomil. Vila soterrada"

Submitted by xestor on Lun, 01/04/2024 - 13:06
04
Apr
2024
Presentación literaria: "Brandomil. Vila soterrada"
Imaxe
Brandomil, vila soterrada

O xoves, 4 de abril, ás 19 horas, presentamos no Auditorio do Museo o libro Brandomil. Vila soterrada, dos arqueólogos Lino Gorgoso e Abel Vigo, editado pola Fundación Brandomil.

Os autores estarán acompañados por Manuel Muíño, alcalde do concello de Zas, e polo escritor e xornalista Lois Oreiro.

Desde o século XIX, Brandomil (Zas) é coñecido polos achados arqueolóxicos relacionados co mundo romano, como aras, capiteis ou fragmentos de cerámica. Falábase de que o lugar tiña que ser un emprazamento romano importante en relación á rede viaria, ao paso do río Xallas e á explotación mineira, mais nunca houbo un proxecto serio para investigar e desenterrar ese pasado. Na actualidade, e xa desde hai uns anos, a Fundación Brandomil, nacida en 2018, centrouse en verificar e coñecer o papel de Brandomil naquela época. Para iso, a entidade ideou e promove un proxecto arqueolóxico para sacar á luz ese pasado, realizando escavacións en diferentes puntos da localidade.

Os resultados deses traballos son os que saen agora publicados no libro Brandomil. Vila soterrada, dos arqueólogos Lino Gorgoso, director das prospeccións arqueolóxicas, e Abel Vigo. Unha obra que pretende dar a coñecer e revalorizar os restos arqueolóxicos desenterrados, cando xa pode dicirse desde o coñecemento que Brandomil é un dos xacementos romanos máis importantes e interesantes de Galicia.