Presentación da película "Viaje por Galicia", de Luis R. Alonso

Submitted by xestor on Ven, 28/11/2025 - 09:40
02
Dec
2025
Presentación da película "Viaje por Galicia", de Luis R. Alonso
Imaxe
Viaje por Galicia

O vindeiro martes, 2 de decembro, ás 19 horas, o Museo do Pobo Galego acolle a presentación da película restaurada Viaje por Galicia, dirixida por Luis R. Alonso, unha xoia documental que nos transporta á Galicia das primeiras décadas do século XX e, máis especificamente, á provincia da Coruña daquela época. 

A proxección do filme silente será musicada polo cuarteto de corda Novecento, que será presentado polo director de orquestra e pianista Maximino Zumalave. 

A contemplación de imaxes de toda a provincia da Coruña compleméntase coa audición de obras musicais creadas por compositores que viviron e gozaron deses lugares na mesma época en que se rodou esta película. Será, polo tanto, unha boa ocasión para valorar un patrimonio musical concretado nesta ocasión en música de José Arriola, Eduardo Rodríguez Losada, Andrés Gaos ou Luis Brage. As persoas asistentes poderán escoitar dous movementos do Cuarteto de José Arriola, a Suite en estilo antigo e un fragmento da Impresión nocturna de Andrés Gaos, un movemento do Cuarteto de Eduardo Rodríguez Losada e unha selección de Follas novas —homenaxe á música popula galega— de Luis Brage. Tamén, a música que inspirou a Juan Montes o poema Negra sombra.

A restauración do filme, realizada a partir de copias orixinais en celuloide conservadas nos arquivos audiovisuais da Filmoteca Nacional de España e grazas ao soporte da Deputación da Coruña, permitiu recuperar a cor, a textura e o son dun documento fílmico que levaba décadas oculto ao público.

O acto contará coa participación de Concepción Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e José Luis Castro de Paz, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC.