No Museo do Pobo Galego andamos a reconstruír a memoria afectiva deste espazo que habitamos, como parte do proxecto expositivo Historias dun lugar, da artista galega María Jesús Agra sobre a memoria da Quinta da Cruz (Viseu).
No marco das actividades paralelas á mostra, organizamos o obradoiro Enfráscate en Bonaval. Trátase dunha actividade coordinada polo DEAC e que, da man de Agra e da profesora da USC Cristina Trigo, ten como obxectivo poñer en común ideas e estratexias coas que darlles forma visual ás lembranzas, vivencias ou sensacións relacionadas co espazo e o barrio no que se atopa Bonaval.
Que é preciso traer ao obradoiro? So hai que vir coas ganas e as vivencias ou historias relacionadas con Bonaval e co barrio. No obradoiro daremos ideas e estratexias para darlles forma visual a través dun tarro de cristal, para que, a posteriori, cadaquén poida confeccionar o seu. Eses frascos, que almacenan e deixan ver o seu interior, albergarán cada unha desas historias de Bonaval que son parte da memoria do lugar que queremos reconstruír entre todas e todos e que quedarán "enfrascadas" no Museo o tempo que dure a exposición.
Data: venres, 8 de novembro de 2024
Horario: 18:30-20:00 horas (90 minutos de duración)
Lugar: Museo do Pobo Galego
Impartido por: María Jesús Agra, artista e docente; e Cristina Trigo, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC
Inscricións: enviando un correo a deac@museodopobo.gal ou no teléfono 981 583 620 (de martes a venres de 9h a 14h)
Prazas limitadas.
Prezo: actividade gratuíta.