No marco das actividades paralelas ao proxecto expositivo Historias dun lugar, da artista galega María Jesús Agra sobre a memoria da Quinta da Cruz (Viseu), o Museo do Pobo Galego organiza o obradoiro Enfráscate en Bonaval. Trátase dunha actividade dirixida a docentes, asociacións culturais e calquera persoa interesada en compartir as memorias de Bonaval.
O obxectivo é ofrecer estratexias e recursos para que quen queira participar poida facer as súas propias creacións.
Que é preciso traer ao obradoiro? Só hai que vir coa recompilación de lembranzas, vivencias, historias ou sensacións… relacionadas co lugar de Bonaval. No obradoiro daremos ideas e estratexias para darlles forma visual a través dun tarro de cristal, para que, a posteriori, cadaquén poida confeccionar o seu. Eses frascos, que almacenan e deixan ver o seu interior, albergarán cada unha desas historias de Bonaval que son parte da memoria do lugar que queremos reconstruír entre todas e todos e que quedarán "enfrascadas" no Museo o tempo que dure a exposición.
- Data: mércores, 23 de outubro de 2024
- Horario: 17:00 - 18:30 horas (90 min. de duración)
- Lugar: Museo do Pobo Galego
- Impartido por: María Jesús Agra, artista e docente; e Cristina Trigo, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC
- Inscricións: enviando un correo a servizosdeac@museodopobo.gal ou no teléfono 981 583 620 (de martes a venres de 9h a 14h).
- Nº de prazas: 20
- Prezo: actividade gratuíta