O Museo do Pobo Galego asina un convenio de colaboración con PuntoGal

Submitted by xestor on Xov, 18/11/2021 - 12:27
18
Nov
2021
O Museo do Pobo Galego asina un convenio de colaboración con PuntoGal
Imaxe
convenio con punto gal

O Museo do Pobo Galego e PuntoGal asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que o dominio colaborará activamente cos obxectivos do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Este programa ten por obxectivo principal a dixitalización, catalogación e difusión do patrimonio inmaterial galego que o Instituto de Estudos das Identidades do museo puxo en marcha en abril de 2007. Entre outras accións, o dominio realizará unha achega económica e colaborará na difusión do proxecto.

O APOI é un arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O repositorio conta con fondos de natureza moi diversa, como relatos, adiviñas, música, poesía ou baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou etnográfica. Igualmente, consta o traballo de campo no que se obtivo cada ficheiro, os datos do informante, o entorno xeográfico e temporal, o uso ou ocasión e os datos do compilador. Toda esta información verquése nunha única base de datos, accesible para toda a cidadanía.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, coa presenza do presidente de PuntoGal, Manuel González e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.

O presidente do padroado do Museo, Justo Beramendi, expresou o seu agradecemento a PuntoGal por este apoio ao Museo do Pobo Galego e concretamente ao esforzo que ven realizando o APOI por preservar e difundir unha parte fundamental da nosa identidade diferenciada. E manifestou que feitos como este, no que colaboran dúas entidades cos mesmos obxectivos básicos, son motivo de ledicia, un incentivo máis para continuar no longo camiño de desenvolvemento e revitalización da persoalidade galega.