Mar de Libros. Homenaxe á Xeración Nós

Submitted by admin on Lun, 28/12/2020 - 14:48
16
Feb
2021
Tipo evento
Exposición
Mar de Libros. Homenaxe á Xeración Nós
Imaxe
Imaxe evento

O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia súmase á homenaxe ao centenario da Xeración Nós, coa colaboración do Museo do Pobo Galego, a través da mostra Mar de Libros, de Isabel Pintado, que se exhibe en San Domingos de Bonaval até o próximo 6 de decembro.

A exposición, comisariada por Antón Castro, concédelle un protagonismo especial á pintura, cunha selección de obras nas que o libro é o centro dos cadros que forman parte dos fondos da artista, así como de coleccións particulares de Galicia, Madrid e Portugal, entre outras orixes.

Mar de Libros conta cunha sección de libros intervidos. Ademais, o traballo plástico arredor do libro enténdese como unha combinación entre pintura e literatura, un diálogo entre o escritor e a artista que se enriquece coa suma das partes, de maneira que cada un dos exemplares intervidos se converte nunha peza artística única, vencellada ás propias composicións poéticas e literarias. Outra sección da mostra é a referida aos libros de artista, exemplares únicos que manteñen unha interconexión co resto dos exemplares intervidos.

Isabel Pintado
A autora, Isabel Pintado, é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Reside en Galicia desde o ano 1991. Foi profesora de Debuxo no INB Gregorio Marañón de Madrid, de Expresión Gráfica no Centro Español de Nuevas Profesiones e de Talleres de Arte na Escola Ocupacional da Universidade da Coruña. Impartiu cursos de arte na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, no Museo de Arte Contemporánea Unión-Fenosa (MACUF) e no Museo de Belas Artes da Coruña. Así mesmo, realiza talleres de pintura en seda, gravado calcográfico, técnicas aditivas e libros de artista.