O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas inauguran no Museo do Pobo Galego unha exposición das ilustracións orixinais realizadas por Miguelanxo Prado para o libro Os animais de Fraguas. Trátase dunha mostra conmemorativa do 25 aniversario da constitución da Fundación.
O acto será o xoves, 12 de decembro, ás 19 horas, e contará coa participación do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Concha Losada; e o artista, Miguelanxo Prado.
Logo de estar exposta no Centro Cultural Antonio Fraguas Fraguas en Carballedo (Cerdedo-Cotobade), a mostra poderá verse até o 11 de xaneiro de 2025 no Museo do Pobo Galego. A idea da exposición, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, xurdiu en plena pandemia do virus SAR19. Coa xente confinada no 2020, fomos quen de ver como os animais saían e reocupaban espazos dos que foran expulsados, e grazas ao traballo de Miguelanxo Prado tamén ocuparon, na súa versión ilustrada, o seu lugar en librarías, bibliotecas e fogares.
A partir dunhas follas manuscritas inéditas de Fraguas que describían algunhas crenzas populares arredor de distintos animais, o Museo do Pobo Galego e a Fundación que leva o seu nome editaron un libro ilustrado, que enriquecía un proxecto non rematado polo autor. Kiko da Silva, ilustrador e editor especializado neste xénero, sumouse ao proxecto como editor artístico, e incorporou ao debuxante e ilustrador Miguelanxo Prado.
O resultado son 26 pequenas obras de arte que agora poderedes ver expostas na Ala Sur do Museo, de martes a sábados, de 16:00 a 20:00 horas (agás o 6 e o 24 de decembro, cando abrirá de 11 a 14 h).