O Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha homenaxe a Dorothé Schubarth.
A xornada, que combinará música, baile e palabra, terá lugar o mércores, 12 de xuño, no Auditorio do Museo do Pobo Galego.
Programa da homenaxe
A cita comezará ás 10:00 horas, coa apertura institucional do acto, que dará paso a unha actuación de música tradicional a cargo de Felisa Segade, acompañada dunha selección de músicas e fotografías do APOI do Museo do Pobo Galego recollidas por Dorothé.
A continuación celebrarase unha sesión titulada Notas biográficas: Lembranza de Dora e do seu traballo en Galicia, na que intervirán Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego; e Diego Rodríguez, responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié.
A obra de Schubarth e Santamarina será o eixo de dúas mesas redondas sobre o Cancioneiro. Na primeira delas, moderada por Antón Santamarina, tomarán parte Sergio de la Ossa, para afondar na súa importancia musicolóxica, e J.M. Pedrosa, cun relatorio para ubicar o Cancioneiro Popular Galego no marco español e panhispánico. Na segunda das mesas intervirán Concha Losada, quen falará sobre O traballo de Dora despois do cancioneiro: os arquivos das institucións; e Rebeca Carrera e Luís Costa, que centrarán a súa conversa na actualidade, difusión e emprego da recolla musical en distintas contornas.
A xornada de mañá concluirá cunha sesión vermú cunha selección de pezas sobre material recollido por Dorothé interpretadas polo dúo Caamaño e Ameixeiras.
O programa continuará pola tarde coa mesa redonda titulada O traballo de Dora alén do cancioneiro, moderada por M. Xosé Fernández Cerviño, e que afondará no traballo de Schubarth máis alá do Cancioneiro. Lucía Cedrón fará comentario e lectura doutros libros da homenaxeada, Carme Campo afondará na acción educativa e cultural no Museo do Pobo Galego e Alejandro Gándara tratará o cinema sobre Dorothé e o seu traballo. A mesa rematará cunha intervención de Antonio Reigosa titulada Dorothé Schubarth, mestra da memoria. Seguidamente haberá un intermedio audiovisual, cunha selección de imaxes e voces, acompañados da música en directo de Cástor e Félix Castro.
A xornada de homenaxe concluirá cun concerto na igrexa de Bonaval, no que o cuarteto Alicerce (Jorge Montes, Roberto Santamarina, María José Pámpano e Carlos García Amigo), xunto con Alberto Aneiros ao clarinete e Marcos Mato na percusión, interpretarán Transformacións, unha peza clásica composta pola propia Dorothé Schubarth.
Podedes consultar o programa ao completo aquí.