Francisco Fernández Del Riego (1913 - 2010)

Submitted by xestor on Ven, 12/05/2023 - 12:20
17
May
2023
Tipo evento
Exposición
Francisco Fernández Del Riego (1913 - 2010)
Imaxe
Exposición Francisco Fernández del Riego

O Museo do Pobo Galego, como cada ano, súmase á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2023 a Francisco Fernández del Riego. Como en anteriores ocasións poñemos á súa disposición unha mostra do autor homenaxeado, escolma dos fondos bibliográficos e documentais da Biblioteca

 

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá 1913-Vigo 2010) naceu canda a Grande Guerra europea e viviu en primeira liña –obrigado a pelexar no bando inimigo dos seus ideais- a contenda española do trinta e seis. Mantívose leal así e todo á idea galeguista e republicana forxada na mocidade ao longo dunha longa e rica biografía de editor (cofundador de Galaxia), de estudoso das letras patrias (Historia da literatura galega, impreso en Bos Aires no 1947) e universais (Letras do noso tempo, 1974); ou de xornalista en La Noche, no suplemento do Faro de Vigo, Grial, e outros moitos diarios e revistas.

Convén por en destaque o seu labor como activista ou animador cultural tanto a través do proselitismo privado como desde a súa condición de académico ou director de fundacións. Neste sentido cómpre evocar o seu papel na volta do seu amigo Álvaro Cunqueiro ao rego da escrita en galego trala guerra e logo dun período de ostracismo do mindoniense (a correspondencia entre os dous amigos e case conterráneos resulta esclarecedora). Tamén hai que consideralo como o promotor da celebración do 17 de maio, un Día das Letras que agora se lle dedica a el en base aos seus méritos como historiador da literatura, antólogo, biógrafo e serodio creador (O cego de Pumardedón, 1992).

Don Paco militou na defensa do país na II República e na longa noite de pedra, no Partido Galeguista primeiro e no Partido Socialista Galego durante os sesenta e setenta. Sempre cun talante rexo e dialogante ao mesmo tempo. Na súa longa trayectoria de polígrafo usou moitos pseudónimos para asinar os seus escritos, entre eles o de Adrián Solovio, coincidente co nome dunha personaxe oteriana. Del Riego imitábase en certo xeito a Otero Pedrayo, por caso na voz tonante e no talante integrador inimigo do sectarismo. El tamén pensaba, como o patriarca de Trasalba, que a tolerancia é o alicerce da beleza moral de Galiza, ben máis importante que as súas moitas belezas naturais.