Faladoiro: "A Gran Troménie de Locronan (Troveni Lokorn). Unha Irmandade Galaico-Bretona"

Submitted by xestor on Xov, 30/10/2025 - 10:34
27
Nov
2025
Faladoiro: "A Gran Troménie de Locronan (Troveni Lokorn). Unha Irmandade Galaico-Bretona"
Imaxe
Faladoiro: "A Gran Troménie de Locronan (Troveni Lokorn). Unha Irmandade Galaico-Bretona"

A arqueóloga e historiadora Ana Isabel Filgueiras Rei ofreceranos un faladoiro titulado Antigos cerimoniais e procesións florais. A Gran Troménie de Locronan (Troveni Lokorn). Unha Irmandade Galaico-Bretona, no que abordará as procesións ou cerimoniais florais como a Gran Troménie de Locronan, en Bretaña. 

As procesións ou cerimoniais florais son expresións culturais preciosas legadas polos nosos ancestros. Ofrécennos a posibilidade de vivir unha experiencia sensorial plena de memoria, emoción e sanación. Unha celebración comunitaria de renovación dun antigo camiño sacramentado. Conmemoración cristiá tamén que se fundamenta nos antigos ritos de bendición dos campos e sementeiras. A “Gran Troménie” de Locronan (Troveni Lokorn) en Bretaña (Breizh) coas súas 12 estacións é unha peregrinación cristiá que se fundamenta nun bosque sagrado, o bosque de Nevet. Un “nemeton” ou santuario celta do Cornualles bretón tan familiar para nós. Circuíto sagrado de 12 km que se realiza cada seis anos, no mes de xullo de 2025 Filgueiras participou neste “Gran Perdón” atravesando campos de millo e trigo, parando nos cruceiros e admirando as cabanas enramadas de flores e teixo. Flores como bendicións, creación colectiva efémera que nos identifica e une nunha irmandade floral eterna.

Arqueóloga municipal e da Oficina de Rehabilitación do Casco Històrico de Noia e profesora da UNED, desde hai décadas Filgueiras Rei investiga e coopera en proxectos para a recuperación do Patrimonio Inmaterial promovendo a súa difusión pública. Ten elaborado un dossier para a UNESCO sobre a tradición das alfombras florais. Actualmente traballa nun proxecto de rexistro da tradición oral e xeolocalización dos enclaves mitolóxicos de Ancares promovido pola Asociación Ser e Oliver Laxe

A proposta fai parte do ciclo Faladoiros en Bonaval, que ten lugar o último xoves de cada mes no Museo. A entrada é libre até completar capacidade.