Desde o 6 de novembro e até o 29 de decembro pode visitarse no Claustro Alto do Museo do Pobo Galego a exposición Palabra e Memoria. Unha iniciativa do IES Perdouro de Burela. Trátase dunha mostra sobre a normalización da epigrafía funeraria en lingua galega, a partir dos traballos de documentación elaborados polo alumnado do IES Perdouro desde o ano 2003, a través da área de innovación do propio centro e encadrado no Modelo Burela de Panificación Lingüística.
O resultado dese labor de documentación, xunto coas instantáneas tomadas pola fotoxornalista Pepa Losada (coa colaboración posterior de María Mon e Aida López), compoñen unha mostra que procura constatar a recuperación do uso do idioma galego nun ámbito, o funerario, no que desaparecera durante séculos; ao tempo que convidar a expresar de xeito sentido e propio os sentimentos que albergamos polos nosos seres queridos que xa non están.
A exposición conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo e o Concello de Santiago de Compostela.