Exposición: "Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión"

Submitted by xestor on Xov, 03/04/2025 - 16:56
11
Apr
2025
Tipo evento
Exposición
Exposición: "Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión"
Imaxe
Inauguración Cantareiras

Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión é dunha mostra producida polo Museo do Pobo Galego co gallo da homenaxe das Letras Galegas 2025 ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral. Ideada e producida polo equipo técnico da entidade, é o froito de varios meses de investigación nos fondos do proxecto de recuperación, catalogación e dixitalización do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, no arquivo gráfico e documental e nos fondos da colección. 

A exposición toma como fío condutor a cadea de transmisión da oralidade e a poesía oral, desde as primeiras compilacións até a transición e a democracia, pasando polas recollas realizadas polo Seminario de Estudos Galegos e a compilación de músicas de tradición oral durante a ditadura, chegando até a situación da poesía oral a día de hoxe. Ese fío da transmisión que tece toda a exposición, para dar protagonismo ás voces femininas, personificouse esta tarde nas voces de Rosario e Carme das Marías, pandeireteiras e cantareiras da asociación Raigañas, nai e filla, que puxeron a música nesta xornada inaugural. 

Pezas materiais, documentos bibliográficos, sonoros e audiovisuais

Entre os materiais expositivos, a mostra alberga unha selección bibliográfica, na que destacan tres compilacións das que o Museo posúe os orixinais: o Cantigueiro popular da Limia Baixa compilado por Xaquín Lorenzo e Aportacións ó cancioneiro de Cotobade, compilado por Antonio Fraguas, amais da Colección de cántigas da Mahía que fixo Luis Tobío Campos no ano 1880, que está no Fondo Xaquín Lorenzo. 

Unha ollada con perspectiva de xénero que constata o determinante papel das mulleres na creación, preservación e difusión dese saber inmaterial, tal e como apuntaba xa no século XVIII o Padre Sarmiento, autor dunha das primeiras recollidas de poesía oral. Ademais dos fondos pertencentes á biblioteca do Museo, analizáronse os arquivos de Alan Lomax e das Misións Folclóricas do CSIC (1954-1960), por seren fontes de acceso público anteriores á creación do APOI do Museo do Pobo Galego. Toda esa información, sumada aos rexistros sonoros e documentais custodiados no arquivo sonoro da institución, foi o punto de partida do traballo expositivo. Un labor que se viu enriquecido coas pescudas realizadas en paralelo a partir dunha trintena de entrevistas a persoas vinculadas coa música de tradición oral galega e que derivaron na cesión temporal ao Museo de pezas e materiais sonoros, fotográficos e de vídeo, así como na realización dunha peza audiovisual de corte documental que fai parte da exposición.

Así, amais do contido bibliográfico, a mostra componse de paneis informativos e unha ampla selección de materiais sonoros, que permiten escoitar as voces de moitas informantes a través de códigos QR e pantallas interactivas. Completan a mostra as pandeiretas e outros instrumentos musicais tradicionais, materiais discográficos, carteis, fotografías e outras pezas pertencentes algunhas á colección do Museo e outras cedidas por compiladoras e compiladores, por agrupacións ou mesmo por parentes dalgunhas das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Entre elas, a pandeireta de Rosa Casás, cedida polo seu neto Richi Casás; ou a de Teresa Lema Varela, que chegou á exposición de mans do seu neto Jorge Blanco Varela. Tamén, o vídeo caseiro con gravacións de Eva Castiñeira, achegado por un dos seus fillos para formar parte desta mostra que procura musealizar un patrimonio vivo que, como tal, precisa seguir sendo investigado.

O percorrido da mostra conclúe cunha peza audiovisual realizada expresamente para a ocasión, que recolle unha trintena de entrevistas con informantes, familiares, persoas compiladoras, estudosas e artistas vinculadas con esta institución.

A mostra, que conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, poderá visitarse no claustro alto até o 28 de setembro, en horario de apertura do Museo. 

Folla de sala