Cinco roteiros para descubrir o Museo
A través destes cinco roteiros, viaxarás polo mar, o campo, os oficios, os lugares e obxectos cotiáns que marcaron a forma de ser e de vivir da sociedade galega. Poderás percorrer os diferentes roteiros a través da magnífica escaleira barroca do antigo convento.
Situada no antigo refectorio ou comedor do convento, a Sala do Mar impresiona coas súas grandes embarcacións tradicionais presidindo o espazo.
A antiga e fonda cultura mariñeira de Galiza materialízase en diferentes artes, aparellos e ferramentas de formas e usos moi variados. A exposición compleméntase con outras pezas, deseños e maquetas. Así, pódese seguir o proceso de construción dun pesqueiro, ver os útiles e modelos da carpintaría de ribeira, coñecer como eran os primitivos motores ou como traballan as distintas artes e que especies capturan.
O agro e o monte galego transformáronse radicalmente desde mediados do século XX ata os nosos días. Porén, as vellas prácticas que fixeron da agricultura tradicional unha agricultura eficiente son revisadas e levadas ao día de hoxe. Un sistema produtivo no que o policultivo, a gandaría e o monte eran tres pezas ben integradas.
Con estas mudanzas presentes, na sala expóñense diferentes apeiros de labranza, arados, elementos relacionados coa viticultura e outros coa gandaría ou a explotación do monte. No centro da sala, o carro atrapa todas as miradas.
Repartido en dous andares, este roteiro percorre os diferentes oficios que fornecían a comunidade de útiles e obxectos necesarios para o traballo e a vida cotiá realizados con diferentes materias primas: coiro, madeira, pedra, ferro... Ademais das diferentes ferramentas e aparellos, verás obradoiros completos que ilustran estes traballos artesáns.
A cestaría, o tecido e a cerámica son as tres técnicas máis antigas empregadas polo ser humano, e tamén as primeiras que se instalaron no Museo do Pobo Galego.
A diversidade de paisaxes e de materiais en Galicia propicia unha arquitectura tradicional ben diferenciada por comarcas ou áreas. Ademais, o propio uso e as necesidades de quen habita eses lugares tamén van facer que unha casa mariñeira non sexa igual que unha dunha zona agrícola ou da alta montaña.
A través de diferentes maquetas, deseños e fotografías, percórrese a arquitectura tradicional nun sentido amplo. Ademais das vivendas, hai toda unha serie de construcións auxiliares, como hórreos e alpendres para o almacenamento de produtos e apeiros agrícolas: cortes, pombais e alvarizas para os animais; eiras, muíños, fornos, adegas e obradoiros para oficios, destinados á elaboración e transformación dos produtos; feiras temporais ou permanentes onde se practica o intercambio; fontes, pozos, lavadoiros e outros sistemas de aproveitamento dos recursos naturais.
Como era a vida dunha persoa galega desde o seu nacemento ata a morte? Por que eran tan importantes a casa, a propiedade e a familia? Como era a vida cotiá? Cales eran as grandes festas que se marcaban no calendario?
No primeiro andar, poderás coñecer os usos, costumes, prácticas e crenzas que, en conxunto, caracterizan a sociedade tradicional galega desde a perspectiva da antropoloxía social.
No andar inferior, completarás o roteiro coas salas da Indumentaria e da Música.