Actividades escolares e teatro, no cen aniversario do SEG
O Museo do Pobo Galego continúa a celebrar o cen aniversario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), cun programa de actividades, destinadas ao público escolar e xeral, paralelas á intervención sobre a exposición permanente “O futuro dun legado. O museo de Galicia”, que pode visitarse xa e ata o mes de xaneiro.
O programa escolar centrado no Seminario de Estudos Galegos deu comezo esta semana coas actividades dirixidas a alumnado de Infantil e Primaria “A maleta da mestra” (para Infantil e 1º de Educación Primaria) e “O clan das investigadoras” (para 2º, 3º e 4º de Primaria). Dúas propostas conducidas pola contadora de contos e actriz Raquel Queizás, e dinamizadas polo Departamento de Educación e Acción Cultural (DEAC) do Museo. Na programación que poden solicitar os centros escolares hai tamén xogos de descuberta como “Obxectos que falan” (para 5º e 6º de Primaria) ou “De xeira polo Museo do Pobo” (para alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO); ademais de actividades comentadas como “Saber Galicia” (para 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato). O listado completo pode consultarse na web do Museo do Pobo Galego, onde tamén poden solicitarse as visitas escolares.
A programación do Museo conmemorativa do centenario do Seminario de Estudos Galegos inclúe tamén unha actividade para o público xeral, da man da compañía Os Quinquilláns, especializada en divulgar, coas súas representacións, anacos da nosa historia. “O SEG é a nosa casa” é unha representación teatral, interpretada por Tero Rodríguez e Lucho Penabade, que percorre a vida e obra das mulleres e homes do SEG que nos legaron, entre outras moitas cousas, a idea dun Museo do noso. A representación teatral, con prazas limitadas, será o venres 3 de novembro, ás 20 horas, e as entradas xa están á venda en Vivetix Museo do Pobo Galego, cun prezo de 6 euros para o público xeral e 3 euros para socias e socios do Museo.