Con motivo de amosar o noso agradecemento pola doazón do fondo fotográfico dos reputados antropólogos Gustav Henningsen (Slagelse, 1934) e a súa dona, Marisa Rey (Madrid, 1936), o Museo do Pobo Galego pon en marcha esta mostra realizada con 43 fotografías orixinais.
A exposición “Co sentido do común. Homenaxe a Gustav Henningsen e Marisa Rey” intenta profundar nas relacións de colaboración que se establecen per se nas sociedades tradicionais.
Deste xeito, abórdanse temas coma as axudas mutuas en traballos que precisan de moitas mans para axilizar o seu pronto remate e que se volven recíprocas entre a veciñanza. É o caso, por exemplo, dos traballos de procesado do liño ou das segas e mallas do cereal, nas que o tempo xoga un importante papel para o seu remate de maneira que os produtos non se boten a perder.
Igualmente, os traballos de mantemento das infraestruturas propias das aldeas (como os arranxos en camiños, limpeza de fontes e lavadoiros, extinción de incendios, etc.) tamén se converten en tarefas comunitarias nas que participa toda a poboación activa do lugar, incluso establecendo taxas económicas para aquelas familias que, por unha ou outra razón, non poden participar destes traballos. Son as denominadas “peonadas”.
Este tipo de sistema de colaboración mutua é algo que, polas propias características das sociedades tradicionais, sobre todo no rural, está asumido desde a nenez, en que se procura que nenos e nenas participen de xogos en común, ou na mocidade a organización de comparsas de entroido. Na idade adulta hai infinidade de exemplos de esta cohesión social, como poden ser as celebracións, espontáneas ou organizadas (como as festas parroquiais) que acrecentan a participación conxunta de todas as persoas dun mesmo núcleo de poboación.
Ata o último adeus, a morte, tamén é un fenómeno participativo, unha despedida para os membros falecidos da comunidade, pero tamén o acompañamento da familia na súa dor e o apoio para mitigar o trance.
Horario (ata o 30 de abril de 2023):
De martes a sábado: de 16:00 a 20:00.
Domingos: de 11:00 a 14:00.