Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Guarriarán (1903-1987)

Enviado por xestor el Vie, 13/05/2022 - 10:12
07
May
2022
Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Guarriarán (1903-1987)
Imaxe
Escolares visitando a mostra das Letras Galegas 2022

O Museo do Pobo Galego, como cada ano, súmase á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado neste ano 2022 a Florencio Delgado Gurriarán. Como en anteriores ocasións poñemos á súa disposición unha mostra bibliográfica do autor homenaxeado, que se poderá visitar ata o 26 de xuño.

Florencio Manuel Delgado Gurriarán foi nado en Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras, baixo a luz de agosto de 1903. Era fillo dun perito agrónomo e por parte de nai descendente de vasco-navarreses asentados nos vales do Sil e dedicados aos traballos do ferro. Tras unha infancia e unha mocidade nómade (imposta polos traslados laborais paternos) en Ourense, Palencia e Valladolid, asenta no Barco de Valdeorras traballando de pasante nun bufete e comeza a súa obra poética publicada en xornais e revistas como Heraldo de Galicia ou A Nosa Terra. Este primeiro Gurriarán maniféstase como poeta anacreóntico, idólatra de Baco e feliz autor de himnos ao bo viño daquelas terras (Bebedeira, 1934).

            Nos anos trinta participa activamente no galeguismo cultural e político, através da Irmandade Galeguista Valdeorresa e do Partido Galeguista, así como na guerra civil como tenente do Servizo de Información Periférico dependente do Estado Maior (fuxira en outubro do 36 pola raia portuguesa cara Porto e Bordeus, onde chegou de polisón en barco noruegués, e moi logo cara a zona republicana na que se reencontrou con Castelao e Santiago Álvarez). Laborou despois preparando a saída de exiliados e el propio recalou en Veracruz entre unha pasaxe de mil republicanos expatriados.

            Xa en México continuou na angueira de dignificar a cultura galega de par de Luís Soto e Carlos Velo, fundando a revista Vieiros. No ano 1949 foi cotradutor de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego xunto a Plácido R. Castro e Lois Tobío; de por parte publicou Galicia Infinda (1963).

            Visitou Galiza en tres ocasións (1968, 1971 e 1976) cando a súa causa política, pechada en 1951, lle permitiu reatar lazos coa terra e cos amigos que aquí deixara. Nos últimos anos da súa vida aínda deu ao prelo dous libros: Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986).

            Aínda que no seu momento traducira un famoso verso de Mallarmé (La chair est tristre, “a carne é triste”), o Florencio maduro lévalle a contraria escribindo sobre o sensual e o erótico, exalta mesmo a sensualidade dun mundo exótico de pretas danzantes e de jarochas (camponesas) cor mel.

            Celebrou a beleza veneral antes de dar a alma en Fair Oaks, California, o catorce de maio de 1987.