Instalación "A Galicia do presente", de Eduardo de Martís

Submitted by xestor on Fri, 05/10/2024 - 09:39
14
May
2024
Tipo evento
Exposición
Instalación "A Galicia do presente", de Eduardo de Martís
Imaxe
A Galicia do presente

Desde o martes, 14 de maio, ata o 11 de agosto pode verse no Museo do Pobo Galego a instalación artística A Galicia do presente, unha iniciativa do proxecto de dinamización da cultura galega emerxente Galicia Latente, impulsado por Eduardo de Martís e baseado no estudo-libro homónimo de recolla e divulgación fotográfica. Autoeditado polo propio de Martís, a obra componse de 221 páxinas e 233 fotografías tiradas entre os anos 2020 e 2023 ao longo de máis de 140 concellos galegos. 

A instalación artística que poderá verse no Museo está composta por tres pezas centrais que dan soporte a unha escolma de fotografías protagonizadas por imaxes-referentes da cultura galega, contextualizadas nunha reflexión que abrangue retos e oportunidades que estamos a vivir. Procura, logo, ser unha xanela aberta a unha Galicia diversa, moderna e con potencial de futuro, lonxe de tópicos e estereotipos que a reducen a unha foto fixa das tradicións. Trátase dun relato novo/actual, da man de persoas anónimas e tamén doutras máis coñecidas, como Elena Ferro, renovadora dos zocos tradicionais, as compoñentes dos grupos Fillas de Cassandra ou Tanxugueiras, o poeta Ismael Ramos ou a chef Lucía Freitas. Todas elas configuran xeitos de facer evolucionar a tradición. Ademais, a proposta tamén alenta a repensar os nosos valores como sociedade, e reflexionar sobre conceptos como a identidade, a multiculturalidade, o legado, o porvir, as diversidades ou a demografia. 

Na inauguración participarán integrantes das catro entidades colaboradoras do proxecto: AGANTRO (Asociación Galega de Antropoloxía), Asociación de axuda ó enfermo mental A Mariña, ASPANANE Viveiro e a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme; ademais da zoqueira Elena Ferro, a chef Lucia Freitas, a ilustradora Iria Ribadomar e a artesá Sandra Vilas; todas representadas no libro-estudo.

Galicia Latente é un proxecto que procura achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a cultura galega no presente, así como proxectar unha visión holística desde onde visibilizar os retos e oportunidades que nos están a conformar. O proxecto xa estivo presente en convocatorias internacionais coma o Comite das Rexións en Bruxelas, ou a Semana Galega de París, na sua primeira fase no ano 2009 e 2010 respectivamente.