Exposición "Regressar"

Submitted by xestor on Mér, 03/04/2024 - 21:19
25
Apr
2024
Tipo evento
Exposición
Exposición "Regressar"
Imaxe
Regressar

O xoves, 25 de abril, inauguramos no Museo a exposición Regressar. Un proxecto da artista visual Raquel Díaz sobre o proceso de creación dun libro ilustrado da historia recente da Beira Alta, no interior de Portugal, narrada a través da memoria popular.

A mostra mestura ilustracións con diferentes testemuños que falan de como era e como mudou a vida neste lugar onde, tradicionalmente, os seus habitantes vivían da agricultura de subsistencia e do pastoreo, e que hoxe é un territorio envellecido e moi castigado polo despoboamento.

 

    

 

Durante a ditadura salazarista producíase unha forte emigración cara países europeos como Francia, Alemaña, Suíza ou Brasil. Moitas familias cruzaron a fronteira clandestinamente fuxindo da miseria e da represión. Ademais algúns dos seus habitantes tiveron que abandonar as súas casas, obrigados polo réxime a loitar entre 1961 e 1974 na chamada Guerra de Ultramar en África.

A Revoluçao dos Cravos puxo fin á Guerra e ao Estado Novo (1926-1974). Pero, nas aldeas, a vida non mudou moito despois do 25 de abril. Os retornados volveron das colonias e algúns emigrantes regresaron. Pero a partir dos anos 80 continuou o éxodo por motivos económicos e estas zonas quedaron abandonadas. A historia non só debe ser contada a través dos documentos. A historia tamén se atopa na palabra, na voz das persoas que a transitan. Este proxecto céntrase nas lembranzas da comunidade, explorando os vínculos entre a memoria individual e a memoria colectiva. Unha revisión do pasado para entender o presente.